Ouvir e Mediación Móvil, premios Incuvi-Avanza 2018.

Os gañadores recibirán 3000 euros e o asesoramento dun equipo de profesionais que mentorizarán os proxectos durante o ano que estean nos espazos de Porto de Molle e no CITI de Ourense.
No acto de entrega dos premios Incuvi-Emprende 2018 entregáronse tamén os premios Incuvi-Avanza, uns galardóns que pretenden apoiar os proxectos emprendedores da edición Incuvi-Emprende 2017 que teñen potencial e viabilidade para poder continuar co seu desenvolvemento. Nesta terceira convocatoria dos Incuvi-Avanza, o xurado elixiu Mediación Móbil no campus de Vigo e Ouvir no de Ourense. O proxecto ourensán céntranse en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo ofrecendo asistencia persoal. No caso de Mediación Móbil, que realizaron o seu ano de pre-incubación no campus de Pontevedra, crean unha aplicación móbil e unha web para ofrecer un servizo de mediación para empresas, organizacións e particulares que precisen resolver conflitos. A impulsora de Ouvir xunto cos representantes de Mediación Móbil agradeceron o apoio, acompañamento e ánimo recibidos nun ano de incubación e aconsellaron aos novos galardoados “aproveitar o tempo, porque pasa moi rápido, seguir adiante porque é o voso presente e futuro”.