Un sistema de intelixencia artificial para axudar no diagnóstico dos pólipos de colon

Desenvolver “un sistema informático capaz de dar apoio en tempo real ao endoscopista na visualización dos pólipos de colon e na toma de decisións terapéuticas sobre eles”. Con este obxectivo preséntase o Proxecto Polydeep: sistema intelixente de detección e clasificación en tempo real de lesións colorrectais mediante deep learning. Con financiamento estatal, investigadores do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e do Hospital Universitario de Ourense desenvolverán durante tres anos un proxecto que os seus promotores destacan como “pioneiro e innovador” e que ten como fin último mellorar a calidade asistencial ás e aos pacientes de oncoloxía.

A iniciativa está liderada desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense polo Grupo de Investigación Sing (Sistemas Informáticos de Nova Xeración), coordinado polo catedrático Florentino Fernández, e conta coa participación do Grupo de Investigación en Oncoloxía Dixestiva do Hospital Universitario de Ourense (Giodo), coordinado polo doutor Joaquín Cubiella.

“Ter un asistente que sexa máis preciso que o ollo do endoscopista é unha necesidade”, salientou Cubiella.

Ligazón á noticia