A consultora viguesa Optare Solutions crea un programa de bolsas para incorporar talento galego ao sector TIC

Ofrecen matrícula gratuíta no máster, prácticas preprofesionais e incorporación ao mercado laboral.

Estar a piques de titularse no Grao de Enxeñaría de Telecomunicación ou no de Enxeñaría Informática e contar cun bo expediente académico –mínimo nota media de notable-. Estes son os requisitos que deben cumprir as candidatas e candidatos a facerse cunha das catro bolsas abbilia Master e abbilia Master Woman, unha iniciativa posta en marcha pola consultora tecnolóxica viguesa Optare Solutions dirixida a facilitar a incorporación do talento que se está a formar nestas escolas ao sector empresarial galego.

Ademais de custear o pago íntegro da matrícula no máster habilitante de cada unha destas escolas, as persoas seleccionadas accederán tamén a dous anos de prácticas profesionais remuneradas no sector das operadoras de telecomunicacións e outros dous anos de contratación laboral con esta empresa viguesa creada no ano 2002 e especializada no sector das novas tecnoloxías e a innovación. O prazo de solicitudes arrancará este mesmo xoves e prolongarase ata o 30 de xuño.