A Xunta de Galicia financia con 424.000 euros a creación da agrupación estratéxica CITACA do Campus de Ourense

 O novo Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da auga ( CITACA), explica Ana María Torrado, está formado por nove grupos de investigación e 134 investigadores e investigadoras.
A misión de CITACA, indica a súa coordinadora, é crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento a fin de contribuír á sustentabilidade ambiental e á competitividade do sector agroalimentario, co fin de garantir auga e alimentos sans e saudables”. A súa posta en marcha faise a partir dun dos multicluster I+D do Campus da auga, concretamente do Clúster 1. Alimentación, Medio ambiente e TIC´ s, que aglutina a varios grupos radicados na Facultade de Ciencias e na Escola Superior de Enxeñería Informática do campus de Ourense, que viñan colaborando desde hai varios anos con investigadores da Facultade de Bioloxía do campus de Vigo dentro das áreas de especialización de alimentación e medio ambiente.