Venres, 12 Maio 2017

O CITI

A misión do CITI é o desenvolvemento do I+D+i nas empresas.

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI), é un novo centro creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia no 2005.

O CITI busca potenciar o desenvolvemento do I+D+i nas empresas, mediante a creación de espazos de colaboración para favorecer e transferir coñecemento dende a Universidade ao tecido empresarial a través do desenvolvemento de proxectos conxuntos de I+D+i relacionados co ámbito agroalimentario, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da información.

A estrutura do CITI e a súa ubicación no parque Tecnolóxico de Galicia (TECNOPOLE), facilita a transferencia das tecnoloxías desenvolvidas no Campus de Ourense. O edificio é un elemento nuclear para a realización das tarefas de investigación, innovación e transferencia do coñecemento do Campus Ourensano, onde a Universidade relaciónase coas empresas e desenvolve proxectos conxuntos a partir da transferencia do coñecemento adquirido, onde xorden ideas innovadoras sobre as que construír novas empresas.

O CITI está composto por catro edificacións cilíndricas e unha nave. Entre os catro módulos cilíndricos albérganse un total de 11 laboratorios, 3 plantas técnicas e a oficina de proxectos de I+D+i do Campus de Ourense. Como apoio á labor investigadora e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos, o CITI conta tamén cunha planta piloto.

Transferir coñecemento desde a Universidade ao tecido empresarial a través do desenvolvemento de proxectos conxuntos. Ser fonte de ideas innovadoras a partir das cales construír novas empresas. Crear coñecemento a partir da investigación.


"Ideas innovadoras sobre as que construír empresas"

Logo-CITI-circulos
timeline2005
Creación do CITI como resultado dun convenio entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia.
timeline2009
Inaguración das instalacións na Tecnópole, cun investimento de máis de 4 millóns de euros.

Participación no proxecto Real, financiado polo Programa Interreg POCTEP, para desenvolver unha rede de recursos, información e coñecemento co obxectivo de fomentar a innovación no sector agroalimentario (Rede de Innovación Alimentaria Norte de Portugal-Galicia).
timeline2011
Creación dunha nova liña de materiais na planta piloto a través dunha axuda INNPLANTA do Ministerio de Economía e Competitividade. O proxecto Labmat orientouse á produción e avaliación de novos materiais avanzados de carácter biodegradable, co reto de posicionar ó CITI como centro de referencia para a investigación, o desenvolvemento, a transferencia e a innovación neste campo.
timeline2013
Aprobación da normativa de uso interno. Logo de que a Universidade de Vigo aprobase a normativa de funcionamento dos seus centros de apoio á investigación, o CITI adaptou a ela os seus protocolos internos.

Sinatura de convenios para a xestión dos laboratorios. O CITI conta con varios laboratorios de investigación xestionados por grupos da Universidade de Vigo. Os primeiros convenios que facilitaron a cesión dos laboratorios por tres anos foron asinados con 10 grupos.
timeline2014
Cesión de espazo á empresa biotecnolóxica Glecex para desenvolver o seu proxecto de negocio no ámbito dos extractos naturais para alimentación e cosmética.
timeline2015
Posta en funcionamiento dun servidor de cálculo científico de altas prestacións, dotado dunha alta potencia de cálculo, gran capacidade de almacenamento de datos e unha unidade de virtualización, grazas a unha axuda do Ministerio de Economía e Competitividade.
timeline2016
Incorporación de emprendedores no marco do programa INCUVI-Avanza da Universidade de Vigo, que ten como obxectivo ampliar o apoio, mediante a subvención dos costes da estadía en espazos CITI, aos proxectos empresariais máis viables galardoados cos premios INCUVI-Emprende. As empresas Meigalabs e iBeeagro foron as gañadoras desta primeira convocatoria.

Inauguración do centro de cáculo con varios grupos de investigación do Campus de Ourense como usuarios.
LogosCCalculo

Proxecto Servidor de Cálculo Científico De Altas Prestacións

DESCRICIÓN

O proxecto "Servidor De Cálculo Científico De Altas Prestacións", UNVI13-1E-2743, vinculado á convocatoria de axudas do 2013 a infraestruturas e equipamento científico-técnico (Subprograma estatal de infraestruturas científicas e técnicas e equipamento), cofinanciado polo Ministerio de Economía e Competitividade e con fondos FEDER a un 80%; ten como obxectivo crear un centro de cálculo de prestacións intermedias, situándoo entre os grandes centros de supercomputación e aqueles que sexan propiedade de empresas ou grupos de investigación. Con todo, tamén axuntará as vantaxes de ambos os modelos de computación:
  • ▸ Potencia de cálculo, tanto de CPU como GPU, e centralización asociada ao mantemento de equipos; extrapolada dos grandes centros de supercomputación aínda que a unha menor escala.
  • ▸ Mellora na xestión de usuarios, tanto acceso lóxico como físico aos equipos, podendo ademais almacenar grandes cantidades de datos nos servidores de forma permanente.
A maiores, o proxecto contempla a inclusión dunha unidade de virtualización, que permitirá aprovisionar máquinas lóxicas en función das necesidades de cada usuario, unha xestión e acceso sinxelas, e podéndose reestruturar en caso de necesidade.

Actualmente o procesamento de datos volveuse indispensable en case todos os campos de investigación. Mentres que en moitos casos, un equipamento informático "estándar" é suficiente, algúns campos de investigación requiren equipos especializados, custosos e difíciles de conseguir para un grupo ou grupos de investigación por se sós.

Os grupos que traballan en ámbitos como por exemplo a bioinformática, a meteoroloxía, a física de partículas ou a computación gráfica, necesitan manexar nas súas investigacións grandes volumes de datos ou realizar miles de millóns de operacións en cada experimento. Nestes casos é necesario acudir a equipos potentes e especializados, con grandes cantidades de memoria, alta capacidade de almacenamento, ou traballo en paralelo.

Entre os grupos da Universidade de Vigo no Campus de Ourense que apoiaron a proposta estan:
  • ▸ Grupo Ephyslab (Environmental PHYSics LABoratory).
  • ▸ Grupo AA1 (Investigacións agroalimentarias).
  • ▸ Grupo SING (Sistemas Informáticos de Nova Xeración).
  • ▸ Grupo LIA2 (Laboratorio de Informática Aplicada).
  • ▸ Grupo de Termofísica.
  • ▸ Grupo MILE (Biomedical Informátics & Signal Processing).
Estas necesidades xurdidas nos grupos de investigación, motivaron a creación, nas pasadas décadas, de Centros de Cálculo ou Procesado de Datos como o CESGA en Galicia. Iso supuxo un enorme avance en meteoroloxía, farmacia, enxeñería química ou física de partículas; permitindo mellorar e acelerar o traballo de grupos de investigación especializados nestes campos.

Este tipo de centros adoitan verse abocados a unha xestión burocrática lenta debido ao gran volume de usuarios que necesitan acceder aos servizos ofertados.

Por exemplo, a complexidade dos traballos de investigación actuais, deriva en tarefas esixentes que poden requirir dun conxunto de recursos de cálculo considerable, provocando sobrecargas nas colas de traballo e por conseguinte demoras na súa execución. Ademais, a falta de espazo de almacenamento permanente adoita representar un hándicap para salvagardar os datos da investigación.

Todo isto motiva o interese dos grupos de investigación por dispoñer dun centro de cálculo de prestacións intermedias, tanto de CPU como GPU, situándoo entre os grandes centros de supercomputación e aqueles que sexan propiedade de empresas ou grupos de investigación.

Deste xeito, os servizos do centro de cálculo quedarán supeditados fundamentalmente aos grupos de investigación do Campus de Ourense, e por conseguinte conte cun equipamento adecuado ás súas necesidades. Todo isto sen prexuízo de que poida ser utilizado por outros grupos da Universidade de Vigo, empresas da Tecnópole, polígonos industriais próximos como San Cibrao das Viñas ou Pereiro de Aguiar, ou outras empresas en xeral.


OBXECTIVOS
  • ▸ Crear un "centro de cálculo científico de altas prestacións" dun nivel intermedio, situándoo entre os grandes centros de supercomputación e aqueles que sexan propiedade de empresas ou grupos de investigación.
  • ▸ Poñer a disposición equipos de gran potencia de cálculo, tanto de CPU como GPU, e que sexan capaces de xestionar grandes volumes de datos a: grupos de investigación do Campus de Ourense, outros grupos da Universidade de Vigo e empresas da Tecnópole e/ou dos polígonos industriais próximos como San Cibrao das Viñas ou Pereiro de Aguiar, ou outras empresas en xeral.

EQUIPAMENTO ADQUIRIDO
  • ▸ Servidor cálculo SIE Landon GPUs Rack.
  • ▸ Servidor de arquivos SIE Ladon Haswell 72c.
  • ▸ Servidor virtualización SIE Ladon IB E5-4600 40c.

ENLACES RELACIONADOS



LogosReal

Proxecto Real

DESCRICIÓN

O Proxecto Real ten por obxecto desenvolver unha rede para compartir recursos, información e coñecemento para fomentar a innovación no sector agroalimentario (Rede de Innovación Alimentaria Norte de Portugal - Galicia). Neste proxecto proponse a creación formal dunha Rede de Cooperación ao nivel da innovación, a creación dunha base tecnolóxica para apoiar á Rede e a difusión de información, investigación e transferencia tecnolóxica.

O Proxecto Real ten un orzamento de máis de 2 millóns de euros e é co-financiado nun 75% pola Unión Europea, a través do Programa de Cooperación Transfronteriza España - Portugal 2007 - 2013. Este proxecto permitirá unha maior aproximación entre os actores, sendo un verdadeiro foro de debate, análise e resolución de problemas, nunha perspectiva transrexional e multinacional.

Tamén se dirixe a permitir o intercambio e a cooperación entre as empresas de Galicia e Norte de Portugal, aproveitando a complementariedade do sector nos diferentes niveis, con diferentes perspectivas de mercado.


OBXETIVOS
  • ▸ Agregar a masa crítica representativa do sector agro-alimentario da eurorexión, a través da constitución dun fórum para aproximación e integrado de Investigación e Desenvolvemento.
  • ▸ Posicioar a Rede REAL como unha plataforma de referencia para o sector na rexión, fomentando a imaxe de cohesión, tanto interna como externa, co obxectivo de transformar a Rede nunha base sólida para as actividade competitivas internacionais.
  • ▸ Crear unha rede de colaboración entre as Institucións de Investigación e Desenvolvemento e as Empresas Agroalimentarias.
  • ▸ Mellorar a integración das PEMES na Rede e facilitar a súa aproximación aos Centros de Investigación que actuarán como interlocutores das súas necesidades e promotores de novas oportunidades de innovación.
  • ▸ Promover actividades de I+D+i no sector (especialmente no máis tradicional) que dinamicen a innovación tecnolóxica e impulsen a competitividade nas áreas fronteirizas, mediante a interacción entre o sector privado agroalimentario e as Institucións de I+D+i en ambos lados da fronteira, fomentando, desta maneira, accións de investigación precompetitiva e competitiva en proxectos de interese para a eurorexión.

SOCIOS

A rede REAL envolve institucións de investigación e desenvolvemento tecnolóxico, universidades, empresas, asociacións de empresas e outras entidades intervintes no sector, pretendendo constituírse como unha plataforma transfronteiriza para o intercambio de experiencias e comunicación entre os distintos socios e entre estes e todas as empresas e institucións que, no decorrer do proxecto, se veñan a integrar na rede. Esta iniciativa mobiliza a cooperación entre importantes Centros de Investigación do sector agroalimentario da Rexión Norte de Portugal (como a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, a Universidade do Miño, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa) cos seus pares de Galicia (Universidade de Vigo e Universidade de Santiago de Compostela). Fai igualmente chamamento ao envolvemento de Asociacións e Centros Tecnolóxicos, a través de NERVIR-Asociación Empresarial, o Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca (CECOPESCA-Organismo da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos) e o Centro Tecnolóxico da Carne e da Calidade Alimentaria, ben como a Dirección Xeral de I+D da Xunta de Galicia, procurando, a partir dun proxecto de rede, asumirse cun forte núcleo transfronteirizo.




logoLabmat

Proxecto LABMAT

DESCRICIÓN

O proxecto LABMAT “Laboratorio de materiais avanzados sostible”, ten por obxecto paliar as carencias do CITI en equipamento destinado á produción e avaliación de novos materiais avanzados de carácter biodegradable, capacitándolle para actuar de modo autónomo, de maneira que poida constituírse como un centro de referencia para a investigación, o desenvolvemento, a transferencia e a innovación neste campo. A procura de novos materiais con propiedades ou características melloradas é un campo de investigación de interese permanente.

  Nos últimos anos, os materiais compostos estanse impondo dadas as súas altas prestacións mecánicas e a súa lixeireza. Especial interese reviste o feito de que estes materiais presenten un carácter biodegradable, e que utilicen para a súa obtención materiais de natureza renovable, abundantes e de baixo custo, con orixe en biomasa lignocelulósica e/ou subprodutos da industria alimentaria. Coa adquisición dos equipos incluídos no proxecto LABMAT, será posible profundar na obtención de materiais compostos, partindo de matrices de carácter termoplástico e biodegradable, e reforzadas con fibras de carácter celulósico. Tamén será posible traballar na produción fermentativa de polímeros biodegradables ou precursores dos mesmos e a formulación e avaliación de materiais compostos.

Trátase de aspectos que contan cunha evidente relevancia científica, desde o punto de vista da novidade, e cun clarísimo interese tecnolóxico industrial, xa que ao tratarse de equipamentos que permiten traballar a escala de planta piloto, o beneficio para os sectores e as empresas implicadas, está claramente relacionado coa xeración de produtos e/ou servizos próximos ao mercado e xeradores de riqueza a curto-medio prazo. O proxecto contén todas as accións necesarias para adquirir os citados equipos e para obter, con posterioridade, o maior rendemento das mesmas a través do desenvolvemento de distintas liñas de investigación que se materializarán en proxectos de investigación autónomos e/ou colaborativos, e/ou a prestación de servizos a empresas, de forma que se poida conseguir a tan necesaria transferencia de coñecemento desde a academia á industria, e financiamento externo para amortizar as adquisicións e financiar ao centro.

 
OBXETIVOS
  • ▸ Proporcionar á institución solicitante, ó CITI, a posibilidade de completar as fases de desenvolvemento experimental, avaliación de propiedades e estimación de rendibilidade en dous campos de importancia crecente e de brillante futuro (materiais compostos biodegradables totalmente derivados de biomasa e bioplásticos obtidos por procesos sostibles).
  • ▸ Contribuír á xeración de novo coñecemento e novas tecnoloxías que deriven en transferencia de resultados ás industrias do sector.
  • ▸ Servir como apoio ás industrias do sector, a través de asesoría tecnolóxica e provisión de servizos derivados das infraestruturas que se solicitan.
  • ▸ Estreitar as relacións do CITI cos axentes de ciencia, tecnoloxía e industrias, de modo que se converta nun núcleo de concentración de esforzos de I+D+i no sector, e que actúe como catalizador de iniciativas prácticas no campo dos materiais.
  • ▸ Situar ao CITI como un centro de referencia nacional e internacional nas dúas liñas de traballo citadas no punto anterior, promovendo actividades de cooperación nacional e internacional.
  • ▸ Mellorar a posición do CITI en estrutúra ciencia-tecnoloxía-industria de Galicia, así como o seu papel nas novas tecnoloxías dos materiais avanzados.
  • ▸ Proporcionar novas oportunidades de establecer sinerxías entre o CITI e outras institucións de investigación ou industrias para realizar novos desenvolvementos no campo dos materiais, a través de iniciativas financiadas por vía competitiva ou non competitiva.
  • ▸ Dotar de maior valor engadido a recursos locais do sector primario e aos produtos dos sectores industriais implicados.
  • ▸ Contribuír ao desenvolvemento económico e social do país.
 
EQUIPAMENTO ADQUIRIDO
  • ▸ Catro SAIs (marca Eaton).
  • ▸ Disruptor celular CONSTANT SYSTEM.
  • ▸ Extrusora de termoplásticos EUROLAB.
  • ▸ Máquina ensaios universais SHIMADZU AUTOGRAHP 50 KN.
  • ▸ Ultracentrífuga BECKMANN COULTER.
  • ▸ Analizador de permeación de vapor de auga SYSTECH ILLINOIS modelo 7001.
  • ▸ Analizador de permeación de osíxeno SYSTECH ILLINOIS modelo 8001.
  • ▸ Analizador de espazo de cabeza CHECKMATE 3 e equipo de medida á permeabilidade ó osíxeno PERMMATE.